O Colexio de Avogados de Santiago e Política Lingüística reforzan a súa colaboración na promoción da lingua galega
Evaristo Nogueira e Anxo Lorenzo presentaron hoxe o convenio asinado entre ambas as entidades a prol da dinamización lingüística no ámbito xudicial
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2010. O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o decano do Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela, Evaristo Nogueira, amosaron o seu interese por seguir impulsando conxuntamente o uso do galego no ámbito xudicial.
Así o manifestaron hoxe á mañá na presentación do convenio que veñen de asinar, grazas ao cal se desenvolverán diversas actuacións destinadas a promover e a mellorar o uso do galego entre os profesionais colexiados e mais no funcionamento da propia entidade, coa finalidade de reforzar a presenza desta lingua na actividade xurídica.
Segundo destacou Anxo Lorenzo, “o ámbito da xustiza é un dos espazos nos que é necesario un especial esforzo para a incorporación do galego, co fin de conseguir novos espazos de uso para esta lingua”. Neste sentido, “a colaboración de Política Lingüística co Colexio de Avogados de Santiago supón un importante avance para a promoción do galego neste sector”, engadiu.
Ademais, o secretario xeral destacou o importante labor que está a levar a cabo o seu departamento para garantirlles a capacitación lingüística en galego a todas as persoas que traballan na Administración de xustiza e conseguir que a todo cidadán se lle ofreza tamén a opción de ser atendido nesta lingua.
A implicación do Colexio de Avogados de Santiago coa promoción do galego
Por outra banda, Evaristo Nogueira indicou que “a sinatura deste convenio reforza o compromiso do colexio de avogados para o fomento do uso do galego na Administración de xustiza”. “Os usos lingüísticos no ámbito da xustiza “recordou o decano” amosan un evidente desequilibrio entre os dous idiomas oficiais, polo que o Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela, como parte integrante da engrenaxe desta Administración, asume de seu a difícil tarefa de fomentar e propiciar o uso da lingua propia de Galicia”.
Evaristo Nogueira tamén incidiu en que “para conseguir os obxectivos propostos é indispensable a colaboración da Administración autonómica, como vén sucedendo nos últimos anos”. Como consecuencia do labor realizado neste tempo, “apreciamos “indicou o decano” certos avances motivadores. Por exemplo, a documentación que entra no colexio procedente da avogacía ou da cidadanía ten presente, cada vez máis, o galego”. “Sen dúbida, a isto contribúe o esforzo levado a cabo para galeguizar a imaxe do colexio neste tempo”, engadiu.
Desenvolvemento de numerosas iniciativas no marco do convenio
O programa de actuacións do convenio entre Política Lingüística e o Colexio de Avogados de Santiago tradúcese en múltiples iniciativas, como a prestación de asesoramento lingüístico e terminolóxico aos profesionais colexiados e ao persoal do colexio. O fomento do uso do galego na actividade externa e interna desta entidade “documentación, comunicación, campañas, publicidade, material divulgativo, atención ao público etc.” é outro dos aspectos nos que incide este marco de cooperación entre Política Lingüística e o Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela.
A edición da revista colexial Avogacía Compostelá, que inclúe unha sección dedicada á normalización lingüística, e o desenvolvemento dos proxectos Formularios procesuais en lingua galega e As leis en galego tamén se recollen no programa de actuacións.
O Colexio de Avogados compostelán vén realizando nos últimos anos a xornada Xustiza e lingua: reflexións para a normalización, que tamén se inclúe no marco do convenio con Política Lingüística, ao igual que a realización de seminarios de formación que incidan na capacitación profesional en linguaxe xurídica galega, entre outras actividades.
O galego avanza coa xustiza
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén desenvolvendo importantes iniciativas para promover o uso do galego no ámbito xudicial en colaboración con outras entidades, como a Fiscalía do Estado ou a Dirección Xeral de Xustiza, da Xunta de Galicia. No marco do convenio con esta última entidade lévase a cabo un importante labor formativo para o persoal do ámbito xurídico, do que se benefician, ademais do persoal da Administración de xustiza de Galicia, notarios, rexistradores da propiedade, avogados, procuradores e alumnos das escolas de práctica xurídica.
Respecto da creación de novos recursos técnicos para avanzar na incorporación do galego ao ámbito xudicial, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo publicou este mes o Manual básico de documentación administrativa e xurídica, unha obra que recolle por vez primeira modelos de documentación xurídica en galego para facilitar e promover o labor dos profesionais da Administración de xustiza nesta lingua.
Noticia nos medios: