III xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”
Información
A terceira edición da Xornada Xustiza e Lingua deixa algúns apuntamentos para fomentar o uso do galego nos xulgados
“O principio da liberdade lingüística só pode ter a súa orixe na presenza ao mesmo nivel de galego e castelán” X. Palmou
“Vimos da tradición xurídica que vimos. Estamos formados en castelán” X. Monteagudo
“Aínda que teñas vontade de traballar en galego, moitas veces non é posible” A. López-Suevos
“O coñecemento do galego que se nos acredita como mérito a gran parte dos xuíces que traballamos en Galicia non se activa na práctica” A. López-Suevos
“No plano terminolóxico producíronse algúns avances como a publicación de vocabularios e glosarios e, na actualidade, estase a traballar nun dicionario xurídico galego” M. González
[19/11/2009] Nun salón de actos repleto na súa maior parte de profesionais da avogacía e do ámbito lingüístico, tivo lugar a terceira edición da xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, que foi inaugurada e moderada polo decano do colexio de avogados compostelán, Evaristo Nogueira Pol.
O acto inaugural contou coa presenza e as intervencións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e do director xeral de Xustiza, Juan José Martín. O secretario xeral aproveitou a ocasión para dar a coñecer a elaboración dun novo manual de documentación xurídica que se levará a cabo nos vindeiros meses e anunciou, así mesmo, a próxima presentación dun curso de linguaxe xurídica en liña. Pola súa parte, o director xeral de Xustiza anunciou a súa intención de darlle continuidade e pulo á tradución das aplicacións informáticas e dos formularios de uso común nos xulgados galegos.
A continuación tivo lugar unha breve presentación de dous novos recursos para o galego xurídico, que dende ese día poden consultarse na páxina web do colexio de avogados. Trátase, en primeiro lugar, do proxecto denominado“Formularios procesuais en lingua galega” que consiste no labor de tradución e renovación dos escritos máis habituais da práctica da avogacía co fin de poder ofrecelos para outros usos vindeiros entre este colectivo profesional. Este proxecto, que fora iniciado no ano 2008, conta coa participación dun numeroso grupo de avogados e avogadas pertencentes ao colexio de Santiago en estreita colaboración co tratamento lingüístico achegado por un grupo de lingüistas. “As leis en galego” é o título doutro novo recurso que se deu a coñecer nesta xornada. Trátase dunha páxina web na que se ofrece unha recompilación dos textos legais publicados no noso idioma amais doutros textos de interese lingüístico como a normativa sobre as linguas ou as principais resolucións xurisprudencias sobre esta materia.
Tal e como estaba previsto, Xesús Palmou abriu a quenda dos catro relatorios da tarde. O ex conselleiro de Xustiza e actual conselleiro do Consello de Contas de Galicia referiuse en primeiro lugar á actualidade da sentenza pronunciada polo TSXG na que se rexeita a posibilidade de que os pais poidan impoñerlle á administración a elección dun único idioma para escolarizar os seus fillos. Palmou amosouse satisfeito pola decisión do alto tribunal xa que “vén a poñer cordura” no debate sobre o uso das linguas no ensino e, subliñou, o “principio de liberdade lingüística” só pode ter a súa orixe na presenza “ao mesmo nivel” de galego e castelán. A este respecto engadiu que “o obxectivo da Administración pública debe pasar por que un rapaz abandone o ensino obrigatorio co mesmo nivel de galego que de castelán”.
Sobre o uso do galego na xustiza, o ex conselleiro incidiu na necesidade de traducir as aplicacións informáticas e os formularios dos xulgados, así como a conveniencia de verter ao galego “os textos das leis procesuais e materiais no ámbito da xustiza, os distintos tratados doutrinais e estudos sobre lexislación, ou a maior parte da xurisprudencia”, que na actualidade seguen en castelán.
O seguinte relator foi Xoaquín Monteagudo, avogado, secretario da administración local e presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización lingüística. Na súa comunicación Monteagudo fixo un balance da situación actual do uso do galego por parte dos profesionais da xustiza. Segundo el o principal problema para superar a a actual desigualdade no uso idiomático pode atoparse no “uso ritualizado e sistemático” que, en xeral, predomina en todos os espazos deste ámbito. “Vimos da tradición xurídica que vimos. Estamos formados en castelán”. As facultades ou as inercias profesionais poden supoñer dous chanzos importantes nos que centrar o esforzo normalizador.
A segunda sesión desta xornada comezou co relatorio da maxistrada Ana López-Suevos, quen amosou as e reiteredas dificultades para desenvolver con normalidade a súa actividade cotiá en lingua galega, sobre o que manifestou: “aínda que teñas vontade de traballar en galego, moitas veces non é posible”. Seguno López-Suevos non se fai ningún esforzo decidido dende a Administración por dotar os xulgados galegos dos medios técnicos que posibiliten o uso do galego. É esta unha necesidade que leva moitisimo tempo desatendida malia os tímidos e ineficaces intentos iniciados no seu día pola Administración galega de Xustiza. Por este motivo, “a diferenza doutras comunidades bilingües, seguimos sen ter un sistema informático en galego nos nosos xulgados” sinalou a maxistrada. Á parte dos medios técnicos, tamén incidiu na disfunción existente entre a valoración sobre a capacitación idiomática da xudicatura e a súa posterior posta en práctica: “O coñecemento do galego que se nos acredita como mérito a gran parte dos xuíces que traballamos en Galicia non se activa na práctica”.
A xornada rematou co relatorio presentado por Manuel González, catedrático de Filoloxía da USC e secretario da Real Academia Galega. Na súa intervención, centrada na terminoloxía xurídica, González afirmou que se produciron “algúns avances nos últimos anos, como a publicación de vocabularios e glosarios”. Así mesmo destacou que na actualidade “estase a traballar nun dicionario xurídico galego” que ademais contará con interesantes aplicacións informáticas na súa versión electrónica co fin de aproveitar ao máximo as opcións de consulta.
O académico tamén profundou na importancia que debe cobrar a terminoloxía en calquera disciplina técnica e, en particular, no papel que esta debe xogar no proceso de asentamento dunha lingua como é a galega no eido xurídico moderno. Con detalle, tamén tivo tempo para expoñer algúns dos mecanismos lingüísticos aplicados ao traballo terminolóxico.